TEXTOS PARA ACTIVIDADES
1
O PRIMEIRO DO ESTADO EN DAR O PASO
O Concello de Zaragoza aforrará un millón de euros coa introdución do software libre
[23/02/2007] Impulso á innovación tecnolóxica, garantías de seguridade, mellor servizo e aforro de cartos. Neste último caso, ata un millón de euros anualmente. Son as razóns fundamentais expostas polo propio alcalde de Zaragoza ao anunciar que o Concello decidiu mudar ao software libre, é dicir, usar programas informáticos que se poden distribuír e modificar libremente. En tempos recentes, houbo importantes avances na súa introdución nos concellos; con todo, a nivel estatal ningunha das principais cidades deseñara un proxecto concreto para optar por este código aberto.
No ámbito municipal galego, tres de cada dez concellos usan na actualidade algunha destas ferramentas, segundo o último informe do Observatorio Galego do Software Libre. O estudo tamén destaca que hai satisfacción polo emprego deste tipo de programas, o que fai pensar que, a pesar do descoñecemento, seguirá medrando a aposta desde os municipios pola súa introdución.
2
Situación Actual do Software Libre nos Concellos de Galiza
Hai xa unha porcentaxe importante de concellos que están empregando o Software Libre cun nivel de satisfacción alto, destacando entre eles os das cidades máis grandes de Galiza. Todo isto significa que o Software Libre está proporcionando solucións vantaxosas ás instalacións máis complexas, nas que están os técnicos máis cualificados que seleccionan solucións baseadas en Software Libre entre as existentes no conxunto do mercado.
Nos concellos que non empregan Software Libre, o descoñecemento desta tecnoloxía é grande, aínda que parece existir unha predisposición moi favorable a empregalo. Convén non esquecer que a administración local é un dos eidos máis adecuados para o emprego das aplicacións libres pola súa propia dinámica de participación en comunidade (“comunidade cidadán”), o cal pode contribuír moi decididamente ao espallamento da Sociedade da Información.
As principais conclusións do Observatorio Galego do Software Libre son as seguintes:
1. Unha porcentaxe importante de concellos (32%) está empregando Software Libre. Parece que o ámbito dos concellos é un dos máis favorables para empregalo. Unha parte importante dos concellos ten aplicacións en galego, sobre todo os que contan con este tipo de software, que se traduce sen trabas.
2. Os concellos que empregan o Software Libre están bastante satisfeitos cos resultados obtidos do seu uso, e entre eles existe un clima favorable a aumentalo. Os principais motivos que levan a empregar o Software Libre son: o custo, o cumprir a legalidade, e o seu coñecemento previo. Ademais, a gran maioría dos concellos usuarios do Software Libre provense eles mesmos, sen recorrer aos provedores comerciais.
3. Os principais, e case únicos, motivos para non utilizar o Software Libre son o descoñecemento e a falla de formación.
4. Os concellos teñen un importante nivel de recursos humanos na área informática, o cal pode facilitar en gran medida a execución de accións no campo do Software Libre.
5. Nos concellos parece que existe unha cultura e hábito de formación informática, o cal pode utilizarse para encher a falla de información e formación existente no campo do Software Libre. Actualmente non hai unha oferta de cursos de formación en Software Libre, o cal debe ser corrixido.
6. Os responsables municipais non dan importancia ao Software Libre, o cal contrasta coa importancia outorgada ás tecnoloxías da información e a comunicación. Este é un aspecto estratéxico que debería resolverse de forma inmediata con información adaptada aos destinatarios.
7. Dos concellos con páxina web (82%), moi poucos (9%) proporcionan servizos “reais” de administración electrónica, polo que queda moito camiño para desenvolver servizos web de verdadeiro interese para os administrados (cidadáns ou empresas), os cales poden ser desenvolvidos con éxito co emprego de tecnoloxías libres.
3
“A poesía é verdade”
Un procura a verdade
por tódolos camiños, baixo as pedras,
nas raigames escuras das olladas,
máis alá das escumas i os solpores.
Busco a verdade en ti, rexa poesía
dos homes que labouran,
taito real das cousas
que están e son, anque ningún as vexa.
Home total,
que vas e vés sen sombra polas rúas
e tes a túa verdade nos curutos
do mundo, no profundo da historia,
na experencia dun día calisquera,
e non ves os paxaros nin as nubes
nin as lonxíncoas maus do vento dondo
que acariñan o mundo dende sempre.
Investiga a verdade do teu tempo
i alcontrarás a túa poesía.
CELSO EMILIO FERREIRO: Longa noite de pedra.
4
“Limiar”
Estounos buscando, sígoos buscando, hoxe,
mañá, onte -aínda os seguirei buscando
entre as epopeas e as lendas, entre
as noxentas e pesadas páxinas da historia-,
e podo dicirche que non os atopo, que
ninguén sabe onde deixou aquel peón o seu sorriso
proletario -nas paredes do teu cuarto de música, quizais-
nin onde o mineiro o seu diploma de vivir,
tampouco ollei os seus escritos nos libros
(só un rei adúltero e tirano, un xeneral
que gañou batallas, un inventor, un calado poeta)
E ninguén sabe dicirme onde está a túa man, a túa pegada,
os teus ollos que tantas veces tropezaron coa rabia da noite,
ti que deches corpo ó rei e ó xeneral a gloria,
ti que estendiches fíos de cobre polo tempo…, que
liches ó poeta nunha cama de ferro, escondido
nunha mala pensión de Barcelona, ¿onde está o teu selo,
o teu beixo que é máis grande que o verso da rosa?
Sigo buscando, seguirei; atopareite paseando
en calquera rúa de cousas, ou en Madrid
abrindo xancias ou levando cartas, encarnada a face,
a calquera particular ou oficina do Estado, e
roubarei firmas ós teus ollos e letras á túa fronte
e silencios ó teu silencio e noites á túa noite
e todo o imprimirei na historia; si, quero
verte cos sabidos, cos xenerais e cos reis
que crearon a miseria, cos inventores do Progreso
e os detractores do Universo, cos creadores,
cos xenios, ti, que levas ó derradeiro fin e práctico
tódalas ideas, camioneiro, peón, serventa e camareiro.
Son fillo de Walt e búscote
entre a lentura do tempo pra cantarte e lerte
e beber xuntos cuncas de terra mentres buscamos
a maneira de darlle a volta ó mundo, campesiño…
ALFONSO PEXEGUEIRO: Seraogna.
[Walt: Walt Whitman, poeta estadounidense de obra innovadora]
5
A HISTORIA ESCRITA POLOS VENCEDORES
A historia sempre foi utilizada como un elemento de adoutrinamento por parte do Estado. Negando parte da historia e manipulando e mitificando todo o que podía servir para espallar os valores dominantes. Isto acontece de maneira especialmente marcada no franquismo. Así, Tobin Stanley dinos:
“O silencio dá pé ao esquecemento que, por extensión, fomenta a ignorancia. Ao informar dáse a coñecer a realidade, e a resultante toma de conciencia posibilita o cambio tanto no momento actual como no futuro. O fascismo, sexa nazi ou franquista, intentou borrar a memoria colectiva. Cómpre rescatar voces e imaxes do esquecemento, e combater o silencio que equivalería á derrota de ideais democráticos e humanitarios.
O baleiro que deixaron os republicanos exiliados, deportados, encarcerados e falecidos e mais a anulación de toda pegada da República por parte do réxime, eran factores imprescindibles na creación e mitificación da Nova España. Clave ao fascismo é o concepto de reinventarse. Para o réxime franquista isto supuña unha España católica e unida -así desmentindo os nacionalismos rexionais e a diversidade cultural e lingüística inherente á península, ademais de negar os ideais políticos e filosóficos que cuestionaban a autoridade absoluta. Polo triunfo do fascismo franquista e a derrota definitiva dos republicanos en 1939, España púidose reinventar a imaxe e semellanza dos ideais nacionalistas. Coa nova constitución franquista, as execucións de republicanos e os monumentos á grandeza franquista (edificados polos presos republicanos), o réxime abolía os vestixios da II República Española.”
A forma de presentar a historia (esquematicamente) de moitos manuais responde a un criterio selectivo ocultador. Por exemplo, a respecto xusto do período franquista, pódese atopar o seguinte (fixádevos que non aparece a guerrilla antifranquista, nin a masiva emigración, nin as loitas obreiras, etc.):
A DITADURA FRANQUISTA
1939-1945: España permanece á marxe da Segunda Guerra Mundial.
1947: Franco anuncia a restauración da monarquía cando el morra ou se retire (Lei de Sucesión).
1953: España e os Estados Unidos asinan un acordo de cooperación proporcionando o establecemento de bases de uso conxunto.
1955: Un acordo entre os Estados Unidos e a Unión Soviética permite a España entrar nas Nacións Unidas con outras quince nacións.
1956: Sidi Mohamed ben Yusef, o sultán marroquí, alcanza un acordo con Franco para terminar co protectorado español sobre Marrocos.
1958: O goberno español entrega Tarfaya (unha zona no sur de Marrocos) a Marrocos. O goberno marroquí tamén pide Ifni.
1962: A súa Alteza Real o Príncipe Juan Carlos contrae matrimonio coa Princesa Real Sofía de Grecia.
1963: O acordo de cooperación cos Estados Unidos prorrógase por cinco anos máis.
1968: España outorga a Guinea Ecuatorial a súa independencia (12 de outubro).
1969: O territorio de Ifni é entregado a Marrocos. Péchase a fronteira con Xibraltar. Juan Carlos de Borbón e Borbón é formalmente investido como herdeiro da Coroa, un día despois de que Franco o nomee sucesor co título de Rei.
1970: O Acordo de Cooperación e Amizade con Estados Unidos renóvase por cinco anos.
1973: O xefe de Goberno Luís Carrero Branco morre nun atentado terrorista con bomba a mans de ETA, a organización separatista vasca (20 de decembro).
[…] Textos […]
[…] Textos […]