Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for 3 Abril 2007

RECONSTRUÍRMOS A HISTORIA


O Dpto de Ciencias Sociais abriu un blog de aula e desexa incluír videopoemas (ao estilo de Sara Jess, por exemplo) relacionados coa historia. Pensa comezar con textos poéticos que recollan a vontade de atender a historia por parte dos creadores. Indicáronlles que “A poesía é verdade”, de Celso Emilio Ferreiro, e “Limiar”, de Alfonso Pexegueiro, poden ser axeitados, mais descoñecen as motivacións da escrita dos seus autores e a súa participación na historia do momento para poder facer un post de presentación; tampouco acaban de entender ben os poemas, polo que non se consideran capaces de facer un bo recitado e escoller as imaxes ou escenas que os acompañen. Pedíronvos axuda e vós respondésteslles (lembrades?) que o intentariades. Logo:

  1. Para situarvos, lede os poemas (textos 3 e 4) e apreciade a súa relación coa historia. Intercambiade ideas sobre: Quen é o falante lírico? A quen se dirixe? Os dous textos están artellados sobre unha procura: de que(n)?, para que? Que se recolle no final de cada un? Teñen a mesma relación coa historia ca estes?

2. Intentade atopar as motivacións poéticas e sociais dos respectivos autores. Facede un listado de ideas ou citas sobre as razóns da escrita: por que escriben o que escriben? Consultade, para Pexegueiro, a páxina da Asociación de escritores -especialmente Alfonso Pexegueiro reivindica a poesía como un xeito de “construír o imposible” (Iván Leis), La Voz entrega mañana “Seraogna” (Luciano Fernández) e A poesía é unha ponte entre o coñecido e o descoñecido (Camilo Franco). Para Celso Emilio, este documento do IES Val Miñor, as páxinas 15 e 16 deste longo discurso e mais algunha destas páxinas de contidos moi semellantes: 17 de maio ou Biblioteca Virtual Galega. Cooperade e solicitade axuda para poder comprender ben os textos.

3. A etapa franquista é unha etapa de delirante mitificación e ocultamento histórico (podedes ver “un NODO“). Lede o texto 5 e explicade nunhas liñas de que maneira se pode relacionar o seu contido co dos poemas lidos.

4. E que acontece hoxe? Revisade superficialmente a prensa do día ou un libro de texto de historia: que destacan? As historias individuais e das clases traballadoras (como as que vós coñecedes), están presentes? En que lugar? Debatede sobre a selección do que é noticia/historia e a presunta obxectividade da prensa e a historia (con orientación do profesor/a).

5. Relede agora os textos e interpretádeos. Mantéñense de actualidade os contidos destes poemas? Comparádeos e extraede algunha diferenza.

6. Apreciade xa a forma expresiva destas poesías, mais en relación coa evolución da historia da literatura do momento. Caracterizade a etapa poética galega dos anos 60 e 70 (non se trata de acumular datos) e, dentro dela, estes dous autores. Nese marco e en relación coa temática de cada poema, dádelle sentido, tras localizalos, aos recursos estilísticos máis evidentes nestes textos: enumeracións paralelísticas, símbolos, imaxes suxestivas, predominio de certos campos semánticos, etc. Axudádevos destes comentarios en Culturagalega, Rincón del vago e Wikipedia un e mais dous; e, por suposto, do/da profe.

7. Preparade, por fin, o recitado, decidindo ton(s) axeitado(s) e marcando sobre os textos as énfases. Valorade lecturas expresivas, sempre mellorábeis, de poemas de CEF en Galiciasuroeste e logo ensaiade. Seleccionade tamén imaxes acaídas para o vídeo acudindo á mediateca e en páxinas coma esta ou empregando calquera buscador.

8. Para pechar esta axuda, elaborade a presentación para o post, recollendo en 15-20 liñas (iso si, podedes fixar ligazóns), de xeito o máis claro posíbel, a información e a reflexión interpretativa fundamentais. Unha vez feito, a profesora ou profesor fará suxestións de mellora ou corrección e vós procuraredes explicar cada deficiencia e procurar unha alternativa mellor.

9. E por que non un paso máis? Intentade agora, partindo da estrutura e as formas do poema que máis vos guste dos anteriores, expresar en verso o oculto que vós procurades para mostrarllelo aos demais. Mergulládevos nos vosos desexos e comezade detallando os lugares polos que buscades; logo suxeride a quen ou que buscades; e ao final apuntade, sen explicalo, o para que, cal é o sentido desa procura. Revisade a expresión, é para publicar!

Read Full Post »