Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for 30 Marzo 2007


Imos traballar a comprensión de textos atendendo á vez á escrita e á oralidade e incluíndo a procura de información e a creación (de xeito integrado), amais de facelo progresando en distintos niveis de dificultade.

Para iso, partiremos dun texto (unha noticia) que non vos ha crear moita dificultade para entendelo, mais que cumprirá centrar con algunha cuestión de comprensión literal e de reorganización do contido.

Leredes logo outro texto sobre a mesma temática, mais de distinta tipoloxía (os resultados dun informe) e con xa certa complexidade para realizar algunhas inferencias e lecturas críticas necesarias, ademais de intercambiar opinión sobre os datos e ideas que achega.

Ao final ampliaredes os vosos coñecementos sobre cuestións clave deste último texto acudindo a outros de maior extensión que haberá que tratar (seleccionar información, esquematizar…) para realizar actividades de exposición oral e de expresión escrita.

Encargáronvos realizar un díptico informativo sobre o software libre para divulgar no voso centro este tipo de programas. Para poder facer esta tarefa, comezade lendo o texto 1 e contestando logo individualmente as cuestións de abaixo.

1. Por que decidiu o concello de Zaragoza pasarse ao software libre, ademais de por causas económicas?

2. Segundo o texto, que caracteriza o software libre?

3. Que oración das seguintes recolle mellor o que se presenta no último parágrafo?

  • O descoñecemento do software libre impide que medre na administración local.
  • Só un tres por cento dos concellos introduciron plenamente o código aberto.
  • O software libre pode incrementar a súa limitada presenza nos concellos galegos.
  • O Observatorio Galego do Software Libre informou sobre o ámbito municipal.

O texto 2 ten unha serie de expresións que poden presentar algunha dificultade de comprensión. Comentamos como as interpreta cada un/unha. E tamén cales son as conclusións deste informe que consideramos máis relevantes. Posteriormente, en grupos, decidimos consensuadamente que resposta é a máis axeitada para estas cuestións:

1. Que intencionalidade se aprecia no primeiro parágrafo?

  • Criticar as vantaxes coas que contan as cidades a respecto dos concellos pequenos.
  • Prestixiar o software libre salientando o seu uso nos concellos con maior esixencia.
  • Informar sobre a porcentaxe concreta de concellos que empregan o código aberto.
  • Recomendar o emprego das novas tecnoloxías.

2. O emprego do software libre no ámbito municipal, que permitiría incrementar?

  • Os servizos aos administrados e o uso da lingua galega nas novas tecnoloxías.
  • Os custos e a falta de información sobre estas aplicacións.
  • O número de páxinas web dos concellos.
  • Os cursos de formación ao respecto.

A metade dos grupos formados, a partir dos comentarios do texto, ides facer un par de propostas ou medidas para a difusión e implantación nos concellos do software libre. Logo intercambiades as ideas e reelaborádelas ou completádelas, axudándovos tamén da revisión das recomendacións que realiza o Observatorio. Non se trata de copiar as que aí aparecen, senón de mellorar as ideas que xurdiran antes. Esas propostas poden dar pé a participar nun foro sobre o tema.

A outra metade dos grupos ides facer un esquema coas características do software libre que xa vos foron presentadas, engadíndolle outras novas que se poden extraer de, por exemplo, o propio informe do Observatorio ou de Vieiros.

Unha vez rematado este proceso coa revisión do escrito, unha persoa de cada grupo presentará oralmente as ideas fundamentais traballadas, mentres a outra parte formula dúbidas.

Por último, informádevos sobre a aplicación destes programas no ensino e manexade algúns deles ofrecidos neste proxecto do IES de Negreira.

Agora que sodes usuarios de software libre educativo, que tal funcionan? Teñen instrucións claras? Para que os empregariades? Que se podería mellorar?

Recollede finalmente toda a información fundamental de xeito atractivo para incluír no díptico divulgativo.

Read Full Post »