Feeds:
Artigos
Comentarios

Os textos en edilim


Actividades sobre os textos do ámbito das institucións creadas con ediLIM. Presentación mínima en Remexer na lingua.

Segundo caderno de actividades, Os camiños das linguas. Tamén presentado en Remexer na lingua.

Advertisements

RECONSTRUÍRMOS A HISTORIA


O Dpto de Ciencias Sociais abriu un blog de aula e desexa incluír videopoemas (ao estilo de Sara Jess, por exemplo) relacionados coa historia. Pensa comezar con textos poéticos que recollan a vontade de atender a historia por parte dos creadores. Indicáronlles que “A poesía é verdade”, de Celso Emilio Ferreiro, e “Limiar”, de Alfonso Pexegueiro, poden ser axeitados, mais descoñecen as motivacións da escrita dos seus autores e a súa participación na historia do momento para poder facer un post de presentación; tampouco acaban de entender ben os poemas, polo que non se consideran capaces de facer un bo recitado e escoller as imaxes ou escenas que os acompañen. Pedíronvos axuda e vós respondésteslles (lembrades?) que o intentariades. Logo:

  1. Para situarvos, lede os poemas (textos 3 e 4) e apreciade a súa relación coa historia. Intercambiade ideas sobre: Quen é o falante lírico? A quen se dirixe? Os dous textos están artellados sobre unha procura: de que(n)?, para que? Que se recolle no final de cada un? Teñen a mesma relación coa historia ca estes?

2. Intentade atopar as motivacións poéticas e sociais dos respectivos autores. Facede un listado de ideas ou citas sobre as razóns da escrita: por que escriben o que escriben? Consultade, para Pexegueiro, a páxina da Asociación de escritores -especialmente Alfonso Pexegueiro reivindica a poesía como un xeito de “construír o imposible” (Iván Leis), La Voz entrega mañana “Seraogna” (Luciano Fernández) e A poesía é unha ponte entre o coñecido e o descoñecido (Camilo Franco). Para Celso Emilio, este documento do IES Val Miñor, as páxinas 15 e 16 deste longo discurso e mais algunha destas páxinas de contidos moi semellantes: 17 de maio ou Biblioteca Virtual Galega. Cooperade e solicitade axuda para poder comprender ben os textos.

3. A etapa franquista é unha etapa de delirante mitificación e ocultamento histórico (podedes ver “un NODO“). Lede o texto 5 e explicade nunhas liñas de que maneira se pode relacionar o seu contido co dos poemas lidos.

4. E que acontece hoxe? Revisade superficialmente a prensa do día ou un libro de texto de historia: que destacan? As historias individuais e das clases traballadoras (como as que vós coñecedes), están presentes? En que lugar? Debatede sobre a selección do que é noticia/historia e a presunta obxectividade da prensa e a historia (con orientación do profesor/a).

5. Relede agora os textos e interpretádeos. Mantéñense de actualidade os contidos destes poemas? Comparádeos e extraede algunha diferenza.

6. Apreciade xa a forma expresiva destas poesías, mais en relación coa evolución da historia da literatura do momento. Caracterizade a etapa poética galega dos anos 60 e 70 (non se trata de acumular datos) e, dentro dela, estes dous autores. Nese marco e en relación coa temática de cada poema, dádelle sentido, tras localizalos, aos recursos estilísticos máis evidentes nestes textos: enumeracións paralelísticas, símbolos, imaxes suxestivas, predominio de certos campos semánticos, etc. Axudádevos destes comentarios en Culturagalega, Rincón del vago e Wikipedia un e mais dous; e, por suposto, do/da profe.

7. Preparade, por fin, o recitado, decidindo ton(s) axeitado(s) e marcando sobre os textos as énfases. Valorade lecturas expresivas, sempre mellorábeis, de poemas de CEF en Galiciasuroeste e logo ensaiade. Seleccionade tamén imaxes acaídas para o vídeo acudindo á mediateca e en páxinas coma esta ou empregando calquera buscador.

8. Para pechar esta axuda, elaborade a presentación para o post, recollendo en 15-20 liñas (iso si, podedes fixar ligazóns), de xeito o máis claro posíbel, a información e a reflexión interpretativa fundamentais. Unha vez feito, a profesora ou profesor fará suxestións de mellora ou corrección e vós procuraredes explicar cada deficiencia e procurar unha alternativa mellor.

9. E por que non un paso máis? Intentade agora, partindo da estrutura e as formas do poema que máis vos guste dos anteriores, expresar en verso o oculto que vós procurades para mostrarllelo aos demais. Mergulládevos nos vosos desexos e comezade detallando os lugares polos que buscades; logo suxeride a quen ou que buscades; e ao final apuntade, sen explicalo, o para que, cal é o sentido desa procura. Revisade a expresión, é para publicar!


Imos traballar a comprensión de textos atendendo á vez á escrita e á oralidade e incluíndo a procura de información e a creación (de xeito integrado), amais de facelo progresando en distintos niveis de dificultade.

Para iso, partiremos dun texto (unha noticia) que non vos ha crear moita dificultade para entendelo, mais que cumprirá centrar con algunha cuestión de comprensión literal e de reorganización do contido.

Leredes logo outro texto sobre a mesma temática, mais de distinta tipoloxía (os resultados dun informe) e con xa certa complexidade para realizar algunhas inferencias e lecturas críticas necesarias, ademais de intercambiar opinión sobre os datos e ideas que achega.

Ao final ampliaredes os vosos coñecementos sobre cuestións clave deste último texto acudindo a outros de maior extensión que haberá que tratar (seleccionar información, esquematizar…) para realizar actividades de exposición oral e de expresión escrita.

Encargáronvos realizar un díptico informativo sobre o software libre para divulgar no voso centro este tipo de programas. Para poder facer esta tarefa, comezade lendo o texto 1 e contestando logo individualmente as cuestións de abaixo.

1. Por que decidiu o concello de Zaragoza pasarse ao software libre, ademais de por causas económicas?

2. Segundo o texto, que caracteriza o software libre?

3. Que oración das seguintes recolle mellor o que se presenta no último parágrafo?

  • O descoñecemento do software libre impide que medre na administración local.
  • Só un tres por cento dos concellos introduciron plenamente o código aberto.
  • O software libre pode incrementar a súa limitada presenza nos concellos galegos.
  • O Observatorio Galego do Software Libre informou sobre o ámbito municipal.

O texto 2 ten unha serie de expresións que poden presentar algunha dificultade de comprensión. Comentamos como as interpreta cada un/unha. E tamén cales son as conclusións deste informe que consideramos máis relevantes. Posteriormente, en grupos, decidimos consensuadamente que resposta é a máis axeitada para estas cuestións:

1. Que intencionalidade se aprecia no primeiro parágrafo?

  • Criticar as vantaxes coas que contan as cidades a respecto dos concellos pequenos.
  • Prestixiar o software libre salientando o seu uso nos concellos con maior esixencia.
  • Informar sobre a porcentaxe concreta de concellos que empregan o código aberto.
  • Recomendar o emprego das novas tecnoloxías.

2. O emprego do software libre no ámbito municipal, que permitiría incrementar?

  • Os servizos aos administrados e o uso da lingua galega nas novas tecnoloxías.
  • Os custos e a falta de información sobre estas aplicacións.
  • O número de páxinas web dos concellos.
  • Os cursos de formación ao respecto.

A metade dos grupos formados, a partir dos comentarios do texto, ides facer un par de propostas ou medidas para a difusión e implantación nos concellos do software libre. Logo intercambiades as ideas e reelaborádelas ou completádelas, axudándovos tamén da revisión das recomendacións que realiza o Observatorio. Non se trata de copiar as que aí aparecen, senón de mellorar as ideas que xurdiran antes. Esas propostas poden dar pé a participar nun foro sobre o tema.

A outra metade dos grupos ides facer un esquema coas características do software libre que xa vos foron presentadas, engadíndolle outras novas que se poden extraer de, por exemplo, o propio informe do Observatorio ou de Vieiros.

Unha vez rematado este proceso coa revisión do escrito, unha persoa de cada grupo presentará oralmente as ideas fundamentais traballadas, mentres a outra parte formula dúbidas.

Por último, informádevos sobre a aplicación destes programas no ensino e manexade algúns deles ofrecidos neste proxecto do IES de Negreira.

Agora que sodes usuarios de software libre educativo, que tal funcionan? Teñen instrucións claras? Para que os empregariades? Que se podería mellorar?

Recollede finalmente toda a información fundamental de xeito atractivo para incluír no díptico divulgativo.


Pódense descargar en .pdf dúas propostas de actividades para traballar creativamente a sintaxe. Baséanse ambas na clásica imitación de estruturas oracionais de textos; nun caso, máis sinxelo, sobre unha enquisa dirixida, noutro sobre textos poéticos musicados.


Faise preciso aproveitar as tarefas colaborativas e de investigación que propoñen moitas webquest (non todas) de lingua e literatura. Os roles -xornalistas, recitadores/as, biógrafos, guías turísticos, etc.-, o tipo de labores a realizar e a forma de aproveitar materiais e recursos son ben plurais e motivadores, adaptábeis a outros traballos, con e sen tecnoloxías da comunicación e información.

Por iso estaría ben contar cun banco de actividades realizado a partir da revisión de diversas webquest no que se recollan eses datos e as fontes correspondentes. Algúns enderezos a visitar serían os seguintes:

Phpwebquest galego

Phpwebquest portugués

Comunitat catalana de webquest

InstantWebquest galegoportugués e español

Weib Balears

Edugaliza

Aprendendo na internet

FPA

EducAragón

Bitácora sobre webquest en español

O banco pode ser unha boa base para o deseño e a experimentación na aula de actividades innovadoras. Leva o seu traballo, mais pagaría a pena.

Webquest Na procura de funcións


Aloxada en phpwebquest, Na procura de funcións intenta ligar dous tipos de actividades que teñen certa presenza nas aulas de lingua, mais normalmente de xeito independente: a reflexión activa sobre estruturas lingüísticas e a análise non mediatizada do uso do galego na prensa. Como se recolle no apartado de conclusións, preténdese que o alumnado:

  • Reflexione sobre certos aspectos gramaticais (a construción das oracións) procurando revisar e ampliar o seu coñecemento previo a través da abordaxe de textos completos e sempre con vistas á mellora da expresión.
  • Descubra a realidade do uso do galego no ámbito xornalístico non público, desbotando estereotipos e simplificacións que ocultan evidentes condicionamentos e espazos ricaces.
  • Exerza a reclamación de dereitos lingüísticos como usuarios/as dos medios.
  • E, en definitiva, que procure argumentos para asentar funcións, tanto en relación coa calidade lingüística como no que se refire ao uso social da lingua galega.

Xa que logo, as tarefas presentan non pouca dificultade e cómpre adaptalas o máis posíbel ás características do alumnado. En calquera caso, todo isto son, por agora, meros planos, pois esta webquest aínda non puido ser levala á práctica, que é a verdadeira construtora.